O Conselleiro Medio Ambiente, o Delegado do Goberno en Galicia, o Presidente da Deputación da Coruña, a Directora Xeral de Sepes, o Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e os Alcaldes da Coruña, Arteixo, Cabana, Coristanco, Malpica e Fisterra, entre as autoridades presentes. A nova área industrial ten unha superficie bruta de 825.000 metros cadrados. O investimento total alcanzou os 26 millóns de euros...
José Manuel López Varela, Alcalde do Concello da Laracha, Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia, e Ana Pastor, Ministra de Fomento, presidiron onte pola mañá a inauguración do parque empresarial da Laracha. Neste acto oficial contouse coa presenza de destacadas autoridades como Samuel Juárez –Delegado do Goberno en Galicia-, Agustín Hernández –Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-, Diego Calvo –Presidente da Deputación Provincial da Coruña-, Lucía Molares –Directora xeral de Sepes-, Antonio José Boné –Director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo-, Antonio Fontenla –Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e os Alcaldes dos municipios da Coruña –Carlos Negreira-, Arteixo –Carlos Calvelo-, Cabana de Bergantiños –José Muiño-, Coristanco –Antonio Pensado-, Malpica –Eduardo Parga- e Fisterra –José Manuel Traba-.
O parque empresarial da Laracha ten unha superficie bruta de 825.000 m2, sendo 538.000 m2 os reservados para a actividade industrial. O proxecto, que comezou a tramitarse no ano 2003 tras ser incluído no Plan Galicia, foi promovido por Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), sociedade pública participada nun 85% polo Ministerio de Fomento e nun 15% pola Xunta de Galicia, e supuxo un investimento total de 26 millóns de euros.
O terreo chan, a cobertura en servizos –incluídos telecomunicacións e gas canalizado- a situación estratéxica e as excelentes comunicacións son os principais sinais de identidade do parque empresarial da Laracha, emprazado na área metropolitana da Coruña, no eixo Arteixo-Carballo, a sete quilómetros do porto exterior de Punta Langosteira, xunto á estrada comarcal C-552 e a autoestrada A Coruña-Carballo –con saída e entrada directas desde a propia zona industrial- e a cinco minutos da vía que comunica A Coruña coa meseta.
Actualmente cinco firmas xa teñen adquirido uns 50.000 m2 de terreo no parque empresarial da Laracha, o que supón preto do 10% da superficie total dispoñible e un importante impulso para a posta en marcha desta infraestrutura.
Alcalde do Concello da Laracha
Trala detallada explicación do proxecto a cargo da Directoral Xeral de Sepes, José Manuel López Varela, Alcalde do Concello da Laracha, abriu a quenda de intervencións. O rexedor municipal afirmou que o de hoxe é “un día histórico para o municipio” porque “estamos dando o gran paso adiante para o progreso económico e social da Laracha”. López Varela lembrou que “expandir a actividade comercial era unha vella aspiración do goberno local” e que xa no 2003, cando se aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal, “pensamos nesta área” para urbanizar a infraestrutura hoxe inaugurada.
O Alcalde da Laracha agradeceu especialmente ao Presidente da Xunta e á Ministra de Fomento a súa implicación “desde o principio e ata hoxe” co parque empresarial da Laracha, xa que cando se iniciou a tramitación do mesmo, hai agora case nove anos, Alberto Núñez Feijóo era “Vicepresidente Primeiro da Xunta e Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Territorio” e Ana Pastor “formaba parte do Goberno do Estado como Ministra de Sanidade e Consumo”.
Para o Alcalde, “a mellor política económica e social é a creación de emprego” e a presenza de novas factorías na Laracha tamén suporá “un impulso de ánimo e esperanza” para os emprendedores e “reactivará o comercio local e o crecemento urbanístico”. Por iso afirma que “captar empresas” é unha das principais labores que está desenvolvendo o goberno local en colaboración con SEA e lembrou que “no Plan Xeral aínda hai terreo para unha futura ampliación desta área industrial”, apuntando o dato de que “entre o que está urbanizado e as futuras previsións de desenvolvemento suman case catro millóns de metros cadrados de superficie” incluíndo as iniciativas públicas e as privadas.
Ministra de Fomento
Ana Pastor, Ministra de Fomento, iniciou a súa intervención felicitando a todas as persoas e institucións que participaron nun proxecto que supuxo “muchas horas de trabajo” e que “ha sabido entender las necesidades que se presentan en la comarca de Bergantiños”. Para a Ministra, o obxectivo do parque empresarial da Laracha é que “funcione como verdadero motor para la actividad económica y sea el pulmón para la creación de empleo” tanto directo como indirecto, “yendo más allá de los límites municipales” e tendo un “efecto inmediato en Coruña”. Tamén quixo destacar que “Fomento es la punta de lanza para salir de la crisis y estamos trabajando para lograr el reequilibrio social y económico” de España.
A colaboración institucional entre as tres administracións implicadas –Goberno Central, Xunta de Galicia e Concello da Laracha- é para Ana Pastor “un modelo y un ejemplo de gestión eficiente de los recursos públicos”. Por iso reiterou o seu “profundo agradecimiento al Alcalde y a la Xunta de Galicia” e concluíu co desexo de “ver pronto este parque a pleno rendimiento, porque es un lugar ideal para generar riqueza”.
Presidente da Xunta de Galicia
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, cre que “o apoio ás empresas” é “esencial para facilitar o progreso a medio e longo prazo”. Para Feijóo, a posta en marcha do parque empresarial da Laracha “ten o ánimo de servir de alicerce e motor económico para o Concello da Laracha e para toda a comarca de Bergantiños”.
Lembrou o Presidente da Xunta que “en 2003 creamos SEA como axente executor do Plan Galicia”, dando “resposta a un momento delicado, pero importante para o desenvolvemento” da Comunidade Autónoma, e continuou apuntando que o polígono industrial da Laracha “é a proba da convicción dun goberno autonómico que cre nas capacidades de Galicia para saír da actual situación económica”.
Por último, agradeceu “a todas as persoas que fixeron posible este proxecto”, en especial “ao Alcalde, co que traballamos desde o ano 2003, Conselleiros e persoal de SEA”, así como “aos empresarios que se instalarán na Laracha”.