Concedeuse unha subvención municipal de 8.000 euros para colaborar na creación do Museo da Pesca.O acordo foi rubricado polo Alcalde e o Patrón Maior da localidade costeira...
José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, e Evaristo Lareo, Patrón Maior e Caión, rubricaron hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e a Confraría de Pescadores da localidade costeira relativo á posta en valor dos documentos dos que consta o arquivo histórico desta entidade.
O acordo establece que o Concello da Laracha concede unha subvención municipal de 8.000 euros para completar o financiamento da rehabilitación e a creación dunha mostra permanente do baixo do edificio da Confraría de Pescadores para convertela no Museo da Pesca de Caión.
A actuación supuxo un investimento total próximo aos 73.000 euros. O Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte financiou o 89% do proxecto e coa aportación municipal é cuberto ao completo o orzamento con fondos públicos.
O Museo da Pesca, que é titularidade da Confraría de Pescadores de Caión, foi acondicionado en colaboración coa asociación ADISMA baixo a dirección do historiador local Marcos Amado.
O seu horario de apertura é sábados e domingos de 17 a 20 horas, existindo a posibilidade de realizar visitas de grupos de luns a venres concertando cita previamente. A entrada no museo é gratuíta.