Miércoles, 8 febrero 2012

A escola infantil da Laracha será ampliada en tres módulos e terá capacidade para outros 41 nenos

Enviar por email

O BOE publicou onte o acordo entre Ministerio de Educación e a Consellería de Traballo e Benestar polo que se financiará a construción de 16 garderías en Galicia.A mellora da instalación permitirá aumentar en máis do 50% o número de prazas e atender ás solicitudes dos veciños da Laracha. O proxecto elaborado polo Concello da Laracha está valorado en 300.000 euros.

[Img #15164]O Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e a Consellería de Traballo e Benestar rubricaron recentemente un convenio de colaboración para a creación de prazas de escolares públicas do primeiro ciclo de educación infantil en Galicia. O acordo foi publicado onte no Boletín Oficial do Estado (BOE) e establece que o Goberno do Estado achegará a cantidade de 5.286.521 euros que a Xunta de Galicia xestionará para financiar un total de dezaseis actuacións, entre as cales se atopa a ampliación da instalación existente no Concello da Laracha.

A escola infantil pública da Laracha, integrada na rede “A Galiña Azul”, está en funcionamento desde o mes de setembro de 2008 na céntrica rúa Río Anllóns da capital municipal. Actualmente a moderna infraestrutura conta con cinco módulos –con capacidade total para 74 nenos-, habilitados todos eles nun mesmo edificio de planta baixa que tamén dispón doutras estancias, como unha sala de estar, comedor, cociña e almacéns. Fronte ao mesmo, e separado unicamente polo corredor distribuidor,  existe un edificio de cor azul, de dúas plantas, con ámbitos reservados para os profesores e persoal do centro.

Ante o alto número de solicitudes de prazas por parte dos veciños da Laracha con nenos de 0 a 3 anos de idade ao seu cargo, o Concello da Laracha detectou a necesidade de ampliar a escola infantil para dar resposta a esa demanda e posibilitar que a práctica totalidade das familias que o desexen poidan ser usuarias da gardería pública da Laracha.

Desde o Concello elaborouse un proxecto para ampliar o edificio principal e habilitar tres módulos, solicitándose a colaboración económica á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para o seu financiamento, o que se concretou agora coa publicación no BOE do convenio co Ministerio de Cultura.

Esta ampliación realizarase á esquerda do corredor distribuidor e requirirá, por tanto, da eliminación do edificio azul. A nova parte construída terá unha superficie total de 288 metros cadrados e constará de tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Posibilitará acoller a outros 41 nenos máis, polo que a escola infantil da Laracha pasaría a ter unha capacidade total de 115 usuarios.

O proxecto de ampliación elaborado polo Concello da Laracha ten un orzamento total próximo aos 300.000 euros. Segundo se establece no convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Consellería de Traballo e Benestar, os novos módulos da escola infantil da Laracha deben estar operativos e en funcionamento no prazo de dous anos.

O Concello da Laracha está a facer un importante esforzo na prestación de servizos á poboación, desde a atención á primeira infancia ata a terceira idade. Os acordos alcanzados polo goberno municipal coa Xunta de Galicia permitiron construír e poñer en marcha durante os últimos anos tanto a escola infantil como o centro de día e fogar residencial. Agora, co compromiso de financiamento por parte do Goberno do Estado, a ampliación da gardería posibilitará aumentar en máis do 50% o seu número de usuarios e completarase a excelente cobertura en instalacións de titularidade pública que están a día de hoxe a disposición de todos os veciños do Concello da Laracha.

¡Deje su comentario!
El Noticiero de Arteixo • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2012 • Todos los derechos reservados.
POWERED BY FOLIOePRESS