Convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. O pagamento é único, de 360 euros, e poden ser beneficiaras as familias con nenos menores de 3 anos que non presentasen declaración de IRPF en 2010. As solicitudes poden tramitarse no departamento de Servizos Sociais do Concello ata o 26 de marzo...
No Concello da Laracha xa poden tramitarse as solicitudes de participación no programa de axudas económicas de pagamento único a familias con nenos menores de 3 anos ao seu cargo que foi convocado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
A contía da prestación é de 360 euros e poderán ser beneficiaros delas os pais ou titores dos nenos nacidos entre o 2 de xaneiro de 2009 e o 1 de xaneiro de 2012 e que, por razón dos ingresos obtidos (menos de 22.000 euros), ningún dos membros da unidade familiar estivese obrigado a realizar a declaración da renda das persoas físicas no ano 2010.
As solicitudes deben presentarse no departamento de Servizos Sociais do Concello da Laracha (planta baixa da Casa Consistorial) como data límite o 26 de marzo.
As persoas que xa se beneficiaron desta axuda en convocatorias anteriores deberán acompañar á solicitude unha copia do DNI ou NIE e tamén o do seu cónxuxe ou parella e o número de conta bancaria no que figure como titular o solicitante. Aos novos solicitantes, ademais desa mesma documentación, requiriráselles unha fotocopia do libro de familia, o certificado de convivencia e, de ser o caso, a sentenza de nulidade, separación ou divorcio.